A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, participou o sábado 25 de febreiro, xunto coa edil de Cultura, Olga Ameneiro, e o edil de Promoción Económica, David Pita, no acto de lectura pública organizado polo Concello para conmemorar o Día de Rosalía, que se celebrou o pasado 23 de febreiro.
O acto desenvolveuse nas instalacións da Biblioteca municipal, a onde se achegaron tamén veciños que quixeron formar parte desta homenaxe pública á poetisa galega Rosalía de Castro. Ferreiro explicou que “un ano máis sumámonos á iniciativa da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para programar este acto, que despois de dous anos podemos realizar de novo de xeito presencial”
Na planta baixa da Biblioteca, onde se levou a cabo a convocatoria, a mestra naronesa Julia Rodríguez, Muller do Ano de Narón no 2020, encargouse de ler o manifesto da citada asociación, escrito por Carme Adán
“Cumpriuse a xustiza” é o lema deste manifesto, no que se ensalza a figura de Rosalía de Castro, tanto a nivel persoal como profesional. Trala lectura a alcaldesa agradeceu a asistencia de todas as persoas que se sumaron ao acto e destacou tamén o legado da poetisa galega, sobre a que recordou a rúa e a praza co seu nome na cidade.
Ferreiro leu o prólogo do libro “A filla do mar” e a continuación leron o resto de persoas que quixeron participar, entre elas os edís Olga Ameneiro e David Pita.
O acto pechou o programa deseñado polo Concello con motivo do Día de Rosalía, que incluíu a entrega dun caravel vermello ás persoas que levaron nesa xornada un libro en calidade de préstamo dos dispositivos bibliotecarios municipais e tamén unha colaboración con oito librarías locais para realizar ese mesmo agasallo ás persoas que adquirisen ese día un libro en galego.
Os establecementos Day, Nova, Contos, Nany, Merche, Albatros, Fina e Pasapáxina participaron nesta iniciativa o pasado 23 de febreiro.