Éxito da campaña en Narón “A túa vella bici vale un sorriso”

 
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, destacou o éxito da campaña “A túa vella bici vale un sorriso”, impulsada a través do Concello en colaboración co Centro de Recursos Solidarios de Narón.
 
O edil naronés agradeceu a implicación e colaboración cidadá nesta iniciativa promovida un ano máis a través do equipo de Educación Viaria de Narón, formado por Pedro Caneiro e Sonia López. A través da mesma recolléronse un total de 184 bicicletas, ademais de tres correcorre e dous patinetes.
 
Do material recollido, tal e como apuntou, 95 bicis entregáronse á asociación AGA Ucraína, que as levará ó seu destino, para que os nenos do país, asolado por unha cruenta guerra, poidan recibir tamén material doado nesta campaña local.
 
Así mesmo, entregáronse 60 bicicletas a centros de ensino da cidade, para realizar actividades nas citadas instalacións: 15 entregáronse a familias vulnerables da cidade a través do Centro de Recursos Solidarios de Narón e as restantes 14, tres correcorre e dous patinetes entregaranse nos vindeiros días ós centros de ensino que as precisen.
 
Romero agradeceu a colaboración do Centro de Recursos Solidarios, da asociación AGA Ucraína, do establecemento BikeWorks Narón pola posta a punto do material e “como, non, de todas as familias que se sumaron á iniciativa, entregando bicicletas, correcorre e patinetes en moi bo estado que agora poderán desfrutar nenos de familias que atravesan unha situación de vulnerabilidade”

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …