Actividades impulsadas en Narón para o Nadal a través do SNL

O Concello de Narón programou a través do Servizo de Normalización Lingüística (SNL) varias actividades para o Nadal que requiren inscrición previa.

Así o indicou a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, que avanzou que se trata de tres propostas que se desenvolverán en tres instalacións municipais, no Alto, O Couto e A Gándara, e para as que as persoas interesadas en acudir xa se poden anotar.

Para facelo, é unha actividade de balde, deben escribir un correo electrónico á dirección a.pita@naron.es indicando o nome da actividade, o nome e idade do neno, do pai, nai ou persoa acompañante, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse en todos os casos por rigorosa orde de inscrición.

A primeira das citas será “Contos maimiños”, de Migallas, o vindeiro 20 de decembro ás 19.00 horas no Centro Cívico Social do Alto do Castiñeiro. Trátase dunha sesión de narración oral para nenos de 0 a 3 anos e as súas familias, ao que poderán acudir un máximo de 25 menores acompañados dunha persoa adulta. Historias, cancións e xogos tradicionais forman parte desta proposta, a través da que se aposta por espertar dende os primeiros meses de vida das crianzas o apego á lingua galega.

O día 21 de decembro terá lugar “Son no berce”, de A Cova das Letras, un espectáculo centrado nos estímulos sensoriais (imaxes, palabras, tactos diversos, olores e música en directo). A cita será no Centro Cívico Social do Couto, con dúas sesións, unha ás 18.00 e outra ás 18.30 horas e está pensada para menores de 0 a 3 anos e as súas familias, cun límite de 15 nenos por sesión, acopañados dunha persoa adulta.

Esta actividade está organizada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (programa Nadal en Rede), en colaboración co Concello de Narón.

Finalmente, o 4 de xaneiro a Casa da Mocidade e as inmediacións da praza da Gándara acollerán (a parte teórica e de ensaio e a posta en práctica respectivamente) ás 17.30 horas o obradoiro “Cantámosche os Reis”, de Pablo Díaz. Neste caso trátase dunha proposta aberta á participación da cidadanía en xeral (recomendada para nenos que saiban ler) e na que colabora a asociación de comerciantes de Narón, a través do programa Narón gaña co galego.

O artista Pablo Díaz impartirá este obradoiro de cantos de Nadal, Aninovo e Reis, coa finalidade de recuperar a tradición oral galega, promover e reforzar a celebración do Nadal en galego e visibilizar o comercio local de Narón.

Os participantes coñecerán algúns deses cantos tradicionais e posteriormente irán por algúns comercios da zona da Gándara para poñelos en práctica, cantando e pedindo o aguinaldo. Participarán ademais os membros do grupo Xemelgas, que amenizarán coa zanfona os cantos de Reis.

Dende o Concello animouse a felicitar o Nadal en galego, ofrecendo o Servizo de Normalización Lingüística para aquelas persoas que desexen que lles revisen o texto das súas postais, podendo enviarlo á dirección: a.pita@naron.es e tamén poden informarse ou utilizar recursos dispoñibles na web: https://naronengalego.gal/dinamizacion/

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …