A Escola de Participación Cidadá de Narón presenta un completo programa formativo

 
A Escola de Participación Cidadá do Concello de Narón continúa a súa actividade de apoio ó tecido asociativo local e de fomento da participación social, buscando dar resposta ás principais demandas e necesidades detectadas coas entidades do municipio.
 
Para isto, promove un programa de obradoiros e cursos abertos a toda a cidadanía, e ó tecido asociativo en particular. O programa arrancará o vindeiro 26 de outubro co obradoiro “Xestión económica básica para asociacións”, no que se ofrecerán ferramentas ás asociacións para a súa autonomía e autoxestión. A finalidade desta proposta é que poidan mellorar a xestión burocrática ofrecendo formación básica sobre fiscalidade, obrigas administrativas, contabilidade e financiamento.
 
Este primeiro obradoiro terá lugar na aula de informática do Centro Cívico Social do Val, en horario de 16.00 a 20.00. A segunda proposta será o obradoiro “Xerme de participación. Primeiros pasos para a creación dunha asociación”, que terá lugar o vindeiro 7 de novembro. Neste caso está destinado á cidadanía xeral interesada en constituír unha asociación.
 
O seu obxectivo é acompañar e apoiar este desexo con información sobre o procedemento, compartir ferramentas que faciliten os trámites e resolver as dúbidas relativas ó proceso. A sesión terá lugar no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, en horario de 16.00 a 20.00.
 
O programa continuará o 16 de novembro con “Reunións e asembleas. Coidado e desenvolvemento de espazos grupais eficaces”. Este obradoiro ten como obxectivo identificar e capacitar sobre a planificación das reunións, a identificación de necesidades e dificultades das persoas nestes contextos, os elementos que definen os propios espazos de reunións e as metodoloxías e ferramentas que facilitan o seu desenvolvemento.
 
O lugar no que se impartirá é no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, en horario de 16.00 a 20.00. A programación rematará cun curso de seis horas de duración sobre “Introdución á facilitación e xestión de grupos para asociacións”, que se convocou para as tardes dos días 14 e 21 de decembro deste ano.
 
O obxectivo será coñecer o enfoque da facilitación e xestión de grupos como ferramenta de eficiencia das entidades asociativas; identificar elementos a ter en conta para a xestión como os roles, a atmosfera ou os modelos de efectividade grupal; e autoavaliar algún aspecto do funcionamento interno das entidades participantes.
 
Terá lugar no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros, en horario de 16.30 a 19.30. A primeira sesión deste programa, sobre “Xestión económica básica para asociacións”, será impartida por Helena Sanmamede Maneiro, formadora con máis de vinte anos de experiencia laboral e profesional na xestión de empresas e especializada na formación de persoas autónomas e entidades da economía social.
 
O resto de formacións serán impartidas por técnicas da Escola de Participación. As prazas destes obradoiros son limitadas, polo que é preciso inscribirse a través do correo electrónico naronparticipa@naron.es, podendo tamén facelo ou solicitar máis información sobre os mesmos chamando ó número de teléfono 603 865 413
 

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …