O Concello de Narón mantén aberto ata este xoves, día 15, o prazo para inscribirse nun curso de Montaxe de estadas multidireccionais “andamios” convocado a través do Programa municipal de Formación.
Poden anotarse persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas en Narón no Rexistro municipal de 8.30 a 13.00 horas, na Sede Electrónica do Concello ou a través dalgún dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
Esta acción formativa, con doce prazas, ten unha duración total de 115 horas e impartirase do 28 de setembro ó 27 de outubro nas instalacións do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, de luns a venres entre as 8.30 e as 14.30 horas ata o 17 de outubro e os días 24 e 25 de outubro; de 9.00 a 14.00 do 18 ó 21 de outubro e de 9.00 a 13.00 os días 26 e 27 de outubro.
Dende o Consistorio recórdase que se trata dunha acción formativa cun elevado grao de inserción laboral. O alumnado abordará entre os contidos formación teórica e práctica de montaxe e desmontaxe de andamios, prevención de riscos laborais, traballos en altura e en espazos onfinados, rescate en altura e primeiros auxilios e módulos transversais de orientación.
Dende o Concello recordouse ademais que hoxe mesmo se abriu o prazo de inscrición nun curso de Manipulador aplicador de produtos fitosanitarios (nivel básico) e que tamén quedan algunhas vacantes para o de Prevención de riscos laborais nos traballos en altura e nos traballos en espazos confinados, tamén do Programa municipal de Formación.
As persoas que desexen recibir máis información sobre estas accións formativas poden facelo a través da Sede Electrónica de Narón ou do Servizo Sociocomunitario Municipal, no primeiro andar do Concello ou a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións: 1108 e 1109).