Xuntanza en Narón para informar sobre actividades culturais e deportivas municipais

O Pazo da Cultura acolleu o martes, día 6 de setembro, ás 19.00 horas unha xuntanza convocada polo Concello de Narón para informar ós centros de ensino, ANPAS e entidades veciñais da cidade sobre as actividades das escolas e tamén a oferta de obradoiros e visitas impulsadas dende Ensino.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, asistiu á convocatoria, na que estivo acompañada polos edís de Ensino, Mercedes Taibo, Deportes, José Oreona, o director técnico do Padroado da Cultura, Luciano Fernández, e Mercedes Sánchez, técnica do Servizo Sociocomuntiario de Narón.

A través da web: buscoactividade.naron.es pódese consultar información sobre estas propostas e doutras áreas dirixidas á cidadanía, e tamén nas webs dos Padroados de Cultura e Deportes.

No transcurso da convocatoria, que se prolongou durante algo máis de dúas horas, os representantes municipais explicaron toda a oferta dispoñible nas diferentes áreas e entregaron documentación sobre a mesma, ao tempo que aclararon algunhas dúbidas que tiñan os asistentes.

As axudas para familias vulnerables, os fraccionamentos de pago, e a flexibilidade para anotarse no caso de que existan vacantes e persoal interesado foron algúns dos asuntos abordados tamén no transcurso da reunión.

A alcaldesa agradeceu a asistencia de todos os representantes de centros educativos, ANPAS e entidades veciñais da cidade e valorou o seu labor de cara a difundir esa oferta de actividades e tamén as posibilidades de descentralizar algunhas delas, tal e como se está facendo en varios casos, para facilitar a asistencia dos veciños interesados.

No que respecta ás actividades culturais, informouse de que o prazo de inscrición permanece aberto, ó igual que nas de Ensino, se ben para as escolas deportivas municipais abrirá este xoves, día 8.

Na convocatoria estiveron representantes dos colexios Jorge Juan, A Solaina, Ponte de Xuvia, Ayala, A Gándara, Virxe do Mar, Piñeiros, Santiago Apóstol, do CRA e do IES das Telleiras; en representación das ANPAS de centros acudiron as da Gándara, do Feal, Virxe do Mar e das entidades veciñais as da Agrupación Veciñal de San Mateo, da Sociedade Cultural Areosa (Piñeiros), da Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña” (Pedroso), e Altea (Xuvia).

Lea también

Narón acolle a I Feira de Literatura e Arte

O pavillón da Mocidade, na Gándara, acolle esta fin de semana, o venres 29 e …