O ciclo Cine de Verán remata en Narón coa proxección do filme «Os Croods 2: Unha nova Era»

 
O ciclo Cine de Verán, organizado polo Padroado da Cultura de Narón en colaboración coa Deputación da Coruña, rematará este xoves, día 4 de agosto, coa proxección da película “Os Croods 2: Unha nova Era” en Xuvia.
 
A cita dará comezo ás 22.30 horas na praza do Colexio e a entrada será de balde. A proxección estaba prevista para o pasado 14 de xullo, se ben tivo que suspenderse debido ó mal tempo, polo que se retomará esta semana, tal e como indicaron dende o Padroado da Cultura.
 
A primeira familia prehistórica, a dos Croods, protagoniza este filme, que ten entre os personaxes a unha rapaza, Eep, o seu pai Grup, cun carácter complicado, e a súa despistada nai, Ugga. Unha aventura de trogloditas, con máis personaxes da familia, que vivirá numerosas aventuras para amosar a súa vida dende que abandonaron a cova na que vivían ata atopar un lugar seguro para asentarse. Cando o atopan ven que está habitado por outra familia, os Masmenor, que os acollerán como convidados pero cos que terán unha relación complicada que terán que solventar.
 
Numerosos veciños da zona urbana e rural achegáronse durante o pasado mes de xullo a este ciclo de cine, unha das citas marcadas no calendario estival do Padroado da Cultura. Dende o pasado 7 de xullo, cada xoves e venres proxectáronse as diferentes películas, un total de oito, en espazos públicos da zona urbana e rural do municipio.
 
A proposta forma parte dunha iniciativa impulsada a través do Padroado da Cultura para descentralizar as actividades culturais durante o verán, achegando neste caso a sétima arte á cidadanía.
 
Os filmes programados durante este ano puideron verse na Gándara, na Solaina, no Alto, no Val, en Sedes, en San Xiao, San Mateo e, finalmente esta semana, en Xuvia.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …