O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considera que a proposta de pregos para a contratación do servizo de conservación e mantemento de zonas verdes, arborado urbano e zonas deportivas da cidade «evidencian a carencia de compromiso do goberno local pola xestión pública dos servizos municipais.»
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG no Concello de Ferrol, sinalou que esta actitude do goberno local «evidenciase principalmente en dous aspectos: A excesiva duración do contrato e a súa división en lotes.«
Para o BNG, desenvolver un contrato por 4 anos significa que «hipotecará ao goberno entrante en 2023 até o final do seu mandato atándolle as mans para poder implantar un modelo alternativo de xestión pública ao próximo goberno e que provocará que en 2026 nos voltaremos a atopar na mesma situación de hoxe.»
Así mesmo, o feito de subdividir o contrato en dous lotes, «e que non exista nin a intención de municipalizar o de mantemento de zonas deportivas, que supón un importe moito menor que o de mantemento de zonas verdes en xeral, evidencia a total falta de vontade para, cando menos, iniciar o camiño da xestión directa do servizo.«
Un obxectivo «que debería ser prioritario para calquera goberno municipal, porque si algo queda demostrado tras o paso de diferentes gobernos e anos desenvolvendo estes servizos mediante privatizacións é que os problemas que xeran son cada vez maiores tanto polas condicións laborais dos traballadores como polos déficits nos traballos en si.«
A realidade é que neste prego o 83% dos gastos «oriéntanse a financiar os custes laborais e por tanto a xestión privada, non aporta nada a cidade que non fagan directamente os traballadores do servizo e que por tanto deberían manter unha relación directa coa administración municipal sen intermediarios para beneficio tanto veciños e veciñas da cidade polos traballos que desenvolven como deles mesmos e mesmas.«
Por outra parte, «e independentemente de si o modelo de xestión é público ou privado«, desde o BNG consideran necesario reorientar o servizo de mantemento de zonas verdes «co obxecto de incrementar os esforzos en dotar á cidade de máis zonas verdes mediante a plantación de especies de baixo mantemento e eliminando traballos “inútiles” como os traballos destinados á renovación da flor de tempada ou as podas ornamentais.«
O actual goberno «insiste neste modelo ornamental«, cun apartado especifico para estes traballos ornamentais «onde se inclúe un programa específico para o cambio da flor tempada en función da época do ano cando, a día de hoxe, as zonas verdes nas cidades teñen funcións especificas e doutro tipo, destinadas a reducir a contaminación do aire e servir ademais como elemento amortecedor dos incrementos de temperatura máis que como ornamento.«
É por tanto, «un sinsentido seguir destinando tantos esforzos e recursos económicos a traballos de carácter ornamental nunha cidade na que o que precisa é incrementar as súas zonas verdes e destinar os esforzos ao seu mantemento.»
Ademais no prego achegado «obviase o acordo laboral acadado entre traballadores e empresa, nin se establecen criterios de xénero que permitan a incorporación da muller ao servizo cando actualmente non existe ningunha no actual plántel de traballadores e se establece como criterio prioritario para a adxudicación a oferta económica, á que se lle otorgan 55 puntos sobre 100 no proceso de licitación e que implicará recortes na parte de medios e recursos humanos para poder acceder ao contrato.»
Por estas razóns, desde o BNG solicitanlle ao goberno «que atenda as propostas do BNG e procure chegar a un punto de encontro que permita levar a diante o servizo de mantemento de zonas verdes no Concello de Ferrol nas mellores condicións posibles tanto para so e as traballadoras como para os veciños e veciñas da cidade.»