Aprobación dun modificado de crédito para investir 2,5 millóns de € en Narón

Os edís de Terra Galega e PSOE aprobaron inicialmente no pleno de Narón do xoves, día 26 de maio, cos seus votos favorables, BNG e PP abstivéronse,  un expediente de modificación de créditos por importe de 2.500.015 euros para realizar importantes investimentos na cidade.

O portavoz de Terra Galega e concelleiro de Facenda, Román Romero, desglosou na sesión as principais actuacións que se acometerán con cargo a esta partida global, como obras de accesibilidade valoradas en algo máis de 550.000 euros na estrada de Castela, Cidade Europa, Santa Icía, Virxe do Mar, e en edificios municipais como o complexo polideportivo da Gándara e o Centro Manuela Pérez Sequeiros, no colexio Virxe do Mar.

Así mesmo, tamén se recollen actuacións, entre outras, como a demolición do cuartel da Garda Civil de Xuvia 247.727 euros, a urbanización de viais no barrio da Solaina 169.888 euros, a ampliación da rede de saneamento en San Mateo 156.997, melloras en eficiencia enerxética na estrada de Cedeira e no pavillón da Gándara 133.000 unha senda peonil no camiño de Igrexa a Braña, en Doso 80.634 euros, e o acceso ó muíño de Prados 48.236.

Os investimentos a levar a cabo destinan tamén partidas para acometer melloras en centros de ensino máis de 60.000, melloras en locais sociais, algo máis de 50.000 euros, avanzar en materia de reciclaxe outros 50.000 euros, e á organización de diversos eventos festivos, de feiras e mercados, a programas gastronómicos e de promoción do sector comercial, a dotación dun parque de calistenia en Xuvia, a instalación dun xogo na praza 23 de Novembro e a elaboración dun estudo sobre as mulleres en Narón.

Na sesión plenaria saíu adiante tamén a proposta de imposición de penalidades á empresa adxudicataria do Servizo de Axuda no Fogar por incumprimento grave das súas obrigas contractuais durante a execución do contrato, por importe de 42.330 euros.

O citado importe deducirase da contía da seguinte factura que emita a citada empresa. Neste punto, a concelleira de Benestar Social, Catalina García, repasou os trámites realizados e avanzou que dende o Concello “tratamos de sacar o servizo o máis dignamente posible e confiamos en que así sexa co novo contrato”.

Finalmente, a alcaldesa, Marián Ferreiro, aludiu ás numerosas reunións e xestións realizadas dende o grupo de goberno para tratar de solventar os problemas detectados e incidiu en que “administrativamente temos que actuar”

No apartado de mocións, o BNG presentou unha solicitando a concesión da medida de graza de indulto ó exsecretario comarcal da CIG Xesús Anxo López Pintos, condeado por un suceso que tivo lugar en outurbro de 2012. A moción aprobouse cos votos favorables de todos os edís menos os do PP.

O grupo municipal do PP presentou unha moción en apoio á redución do IVE ós salóns de peiteado e imaxe persoal, para que se reduza do 21 ao 10% que se aprbou co respaldo de todos os grupos menos o PSOE, que se abstivo, e outra para instar ao goberno local a levar a cabo unha campaña sobre a poboación de gaivotas, que non saíu adiante.

Así mesmo, aprobouse coa oposición do PP a moción sobre a LGTBIfobia, para instar á Xunta a cumplir o artigo 8 da Lei 2/2014 do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación do colectivo e a incrementar nos vindeiros orzamentos a partida destinada ás políticas LGTBI, dotándoas dunha partida propia.

Fóra da orde do día aprobouse por unanimidade a moción do BNG solicitando que se faga pública a web creada polo equipo redactor do Plan Director da Solaina para difundir o citado proxecto.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …