Propostas para conmemorar o Día Internacional da Fibromialxia, Narón

O Concello de Narón súmase á conmemoración do Día Internacional da Fibromialxia, o vindeiro 12 de maio, con varias propostas organizadas en colaboración coa Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica do Noroeste (Affinor).

A concelleira de Benestar Social, Catalina García, e o edil de Sanidade, Santiago Galego, presentaron hoxe as iniciativas xunto coa presidenta de Affinor, Elena María López.

Nas xornadas previas ó 12 de maio colocarase unha pancarta no Concello para dar visibilidade a estas enfermidades “invisibles” e, a maiores, na madrugada dese mesmo día a rotonda de Freixeiro permanecerá iluminada de cor morado, a representativa da fibromialxia.

Así mesmo, organizouse unha proposta aberta á cidadanía en xeral, que consiste na elaboración dun vídeo con imaxes nas que se trasladen mensaxes de apoio ás persoas que sofren estas doenzas. “Apoio á investigación”, “A miña dor non se ve pero existe”, “Por unha diagnose precoz”, “A fibromialxia precisa máis visibilidade” e “Coidarse é saúde” son os lemas propostos para esa iniciativa, podendo enviar as imaxes á dirección de correo: concellerias@naron.es, dende este martes, día 26 de abril, ata o vindeiro 6 de maio, para posteriormente editar un vídeo con todas elas de apoio ás persoas que sofren a doenza.

A concelleira de Benestar Social e o edil de Sanidade realizaron un chamamento á poboación en xeral para que participe nesa proposta, para dar visibilidade ó colectivo que padece esta enfermidade.

Pola súa banda, dende Affinor a súa presidenta pediu “unanimidade no recoñecemento sanitario para a fibromialxia e a fatiga crónica, para poder encontrar novos tratamentos que melloren a calidade de vida” e tamén destacou a necesidade da “atención multidisciplinar a persoas con estas patoloxías para o que sería precisa unha Unidade Multidisciplinar para os casos máis severos na Área Sanitaria de Ferrol”.

López valorou a campaña “Marca o teu ritmo” e destacou que a través da mesma se pretenden fomentar hábitos de vida saudables de autocoidado. Finalmente, García e Galego felicitaron a Affinor polo traballo que realiza ó longo do ano e ofreceron a colaboración do Consistorio para seguir dando visibilidade a estas enfermidades e colaborando co colectivo.

Lea también

Lidl alcanza las 40 tiendas en Galicia con su nueva apertura en Narón

Lidl abrirá este viernes su primera tienda en la localidad coruñesa de Narón, estreno con …