Durante o ano 2021, preto de 1.700 ponteses participaron na iniciativa “Xoves na Biblio” unha proposta do Concello das Pontes que nace no ano 2016 co obxectivo de fomentar a lectura e achegar á cultura ó público infantil do municipio.
Unha iniciativa da que o responsable de Cultura, Vicente Roca, amósase moi satisfeito xa que “Xoves na Biblio calou fondo entre os usuarios máis novos da Biblioteca Municipal e converteuse nunha cita inaprazable dentro das súas axendas de actividades extraescolares. Temos un público moi fiel e agradecido que, ademais, está adquirindo valores esenciais para a súa vida cotiá. Valoran a cultura, o traballo dos profesionais do sector e aprenden a comprotarse como público cultural”
Desde a súa posta en marcha, a proposta “Xoves na Biblio” ofreceu á poboación máis nova da vila espectáculos de contacontos, de títeres, obradoiros, concertos, actividades de divulgación científica, orientados a promover o gusto pola lectura, prestando especial atención á promoción da lingua e da literatura galega, ofrecendo, ó mesmo tempo, actividades con perspectiva de xénero e promovendo os valores da igualdade e do respecto ó medio ambiente.
Durante o ano 2021 as actividades programadas, debido ás restricións sanitarias derivadas da Covid 19, foron, na súa maioría, espectáculos de narración oral, títeres e musicais, tendo que prescindir dos obradoiros para evitar a manipulación conxunta de obxectos e poder manter as distancias sociais.
Con este mesmo obxectivo, durante o ano 2021 as actividades do Xoves na Biblio desprazáronse ata a Casa Dopeso, onde o público asistente aos espectáculos tamén puido coñecer as novidades literaras dispoñibles na Biblioteca Municipal Rivera Rouco e achegarse ós libros relacionadaos cos espectáculos programados.
Os espectáculos que lograron atraer a un maior número de público foron o concerto de Santa Icía, promovido polo profesorado e alumnado do Conservatorio de Música Profesional das Pontes, a obra de teatro “A Cabaza Encantada” de Teatro Calavera e o espectáculo “O Apalpador” de Furabolos.