Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, cualificou de «opera bufa» o Consello da Xunta, celebrado onte en Ferrol, e a escenificación posterior do presidente Alberto Núñez Feijoo que «non aportou ningunha solución aos grandes problemas que ten a nosa cidade neste momento.«
Lembrou que a creación dunha Delegación Territorial da Xunta «non supón ningún beneficio» para os veciños e veciñas de Ferrol «por tratarse dun mero ente xestor, unha figura basicamente representativa que depende do resto de consellerías«. Asi mesmo, Rivas considera que co nomeamento de Martina Aneiros como Delegada da Xunta «ao Partido Popular de Ferrol se lle acaban as escusas para evadir a súa responsabilidade directa en todos aqueles problemas que temos na cidade, co peche da ensinanza para adultos no Concepción Arenal.»
O nacionalista considera que esta decisión do presidente da Xunta de Galicia, sitúa ao Partido Popular de Ferrol «como responsábel directo da falla de iniciativas da administración galega para impulsar medidas para superar a grave crise industrial que padece a nosa comarca, a situación caótica que temos coa situación do transporte público, o desmantelamento da sanidade pública, manter pechado o consultorio de Ferrol Vello ou a precarización do ensino público.«
As medidas presentadas no día de onte «son as mesmas que nos levan anunciando anos e que nunca se desenvolven, son pura retórica igual que o denominado “Pacto de Estado por Ferrol” que so sirve para manter entretidos aos partidos estatais sen que se desenvolvan medidas concretas e que están a levar á cidade a unha situación límite.«