O Concello de Ferrol presentou a quinta edición de Fóra do Mapa

Antonio Golpe e Cristina Moreira na presentación de Fóra do Mapa | Concello de Ferrol

A quinta edición de Fóra do Mapa desenvolverase do martes 14 ao domingo 19 de decembro. O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, presentou esta mañá o festival, “un clásico” dentro da programación cultural da cidade.

O edil explicou que este ano buscouse adaptar as representacións á situación sanitaria, polo que se buscaron espazos non tan reducidos como en anteriores ocasións. Así, segundo detallou, empregaranse como escenarios Centro Torrente Ballester, o colexio Tirso de Molina, o Ateneo Ferrolán, a sede do Real Coro Toxos e Froles, o Antigo Hospicio, o Concello, o Mercado da Magdalena ou o Jofre, entre outros. Golpe considerou moi importante a participación de artistas locais e galegos, entre os que nesta ocasión se atopan intérpretes coma Mabel Rivera ou Luma Gómez.

O concelleiro estivo acompañado pola directora artística do festival, Cristina Moreira, para a que Fóra do Mapa, ademais de estar “moi pensado para Ferrol”, nesta ocasión tamén o está para “esa necesidade que temos de encontro despois da covid”. Moreira destacou que, pese a ter que prescindir dos espazos pequenos doutros anos, vanse incluír outros tamén valiosos “que forman parte da cidade e que son dignos do festival”. Como novidade, explicou que a tradicional exposición plástica de Fóra do Mapa será “inmersiva, é dicir, vaina facer o propio público”. Consistirá nunha performance sobre a que se irá compoñendo un resultado final ao remate do festival.

Outro dos aspectos que salientou a directora artística foi a oportunidade que van ter artistas ferroláns que non actuaran antes na cidade de estrearse sobre os escenarios locais. Mencionou neste punto a Carolina Garel, que vive en Francia e tivo que adaptar ao galego a peza que vai representar o xoves 16 no Ateneo.

Finalmente, cualificou de “luxo” e unha “marabilla” ter en Ferrol a Andrés Lima para impartir o obradoiro de Fóra do Mapa. O actor, un dos fundadores de Animalario, “apórtalle unha calidade enorme ao festival”, asegurou Moreira.

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …