O recetario “Narón, produtos da ría” presentarase este venres, día 19 de novembro, ás 18.30 horas, no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros.
O concelleiro de Promoción Económica, David Pita, acudirá á convocatoria, na que a formadora en temas nutricionais Susana Rañal se encargará de elaborar algunhas receitas con ameixas e zamburiñas para que poidan degustar as persoas que acudan.
A publicación consta de vinte e cinco receitas elaboradas por quince establecementos hostaleiros de Narón e comarca e dez pequerrecetas seleccionadas e elaboradas polo equipo dun restaurante naronés e coordinadas por Carlos Souto, profesor de cociña no IES Fraga do Eume. Escrito en castelán, galego e inglés, o libro está ilustrado con imaxes de cada unha das receitas.
Os 8.000 exemplares editados distribuiranse polas asociacións veciñais, o GALP, a oficina de Turismo da Xunta, asociación de hostaleiros de Ferrolterra, locais de hostalería, confrarías de Ferrol e Barallobre, a cooperativa do Val, Biblioteca e ludoteca municipais, centros de ensino… entre outros lugares.
Tamén se entregarán exemplares ás persoas que acudan ó acto desta tarde, ó que están convidados entre outros os autores das receitas, que poderán ver unha proxección con todas as propostas gastronómicas de “Narón, produtos da ría”.
A iniciativa, impulsada dende o Concello de Narón levouse a cabo en colaboración co GALP Golfo Ártabro Norte e a Consellería do Mar a través do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca.