Narón-O Concello licita en 2,04 millóns de euros o contrato de subministro eléctrico en servizos e instalacións municipais durante 2 anos

O Concello licita nun máximo de 2,04 millóns de euros o contrato de subministro eléctrico nas dependencias, servizos e instalacións técnicas do Concello de Narón por un prazo dun ano máis unha posible prórroga doutro ano. A alcaldesa, Marián Ferreiro, anunciou que os plegos deste anuncio están xa na Plataforma de Contratación do Sector Público e avanzou que as empresas interesadas poderán presentar ofertas ata o vindeiro 9 de xuño ás 15.00 horas. “A través desta licitación garantirase a subministración de edificios e instalacións do Concello, priorizando a calidade e tamén o máximo aforro no prezo de adquisición da enerxía eléctrica, así como as melloras na xestión e consumo e prestando especial atención ao consumo de enerxías de orixe renovable”, recalcou a alcaldesa.

Ferreiro explicou que “unha das condicións especiais de execución, de obrigado cumprimento, é que como mínimo o 50% da enerxía subministrada pola empresa adxudicataria teña garantías de proceder de fontes renovables”. Así mesmo, indicou ao respecto que nas ofertas que se presenten a este procedemento valorarase nun 75% o prezo do subministro e o 25% restante “será para valorar que ese orixe da enerxía de fontes renovables supere o 50% mínimo establecido no contrato”.

A alcaldesa recalcou que se trata “dun procedemento no que temos un compromiso para acadar o prezo máis competitivo e tamén a maior porcentaxe de enerxía renovable no subministro”. Deste xeito, recordou Ferreiro, “dende o Concello de Narón continuaremos apostando polas enerxías renovables e daremos cumprimento á maior brevidade a un dos compromisos adquiridos no momento no que nos adherimos ao Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), que é o de acadar un mínimo do 40% no uso do consumo de enerxías renovables no subministro eléctrico no ano 2030”.

No contrato agruparanse 271 puntos de subministración eléctrica en alta e baixa tensión, correspondentes ás instalacións receptoras de alumeado público, edificios administrativos, instalacións deportivas, escolas e outras do Concello. Todas elas, tal e como se recolle no documento, agruparanse nas modalidades de alumeado público, edificios municipais, deportes, ensino, rede semafórica e Pazo da Cultura no momento da facturación.

Lea también

Herida una animadora del tren navideño de Narón al caer del vehículo en marcha

La joven, que realizaba labores de animación caracterizada como «elfa», fue trasladada a un centro …