O pleno do Concello de Neda aprobou na mañá deste luns unha declaración institucional de apoio ao mantemento dos postos de traballo na firma radicada no municipio Galicia Textil. Unha declaración que responde ao anuncio da empresa de presentar un ERE extintivo para 20 dos 36 traballadores que integran a plantilla alegando causas económicas, e unha medida que xa avanzaran o alcalde e a totalidade dos grupos municipais con representación na corporación de Neda tras a xuntanza que mantiveron o pasado venres cos representantes dos traballadores.
Oposición do concello
O Concello oponse a esta medida, que considera desproporcionada a respecto da
situación da empresa, entendendo que se deben aplicar medidas menos lesivas
para a plantilla. Coincide con esta ao considerar viable manter a produción e os
postos de traballo. Unha necesidade máis aínda tendo en conta a situación de
declive industrial que está a padecer a comarca, que non se pode permitir continuar
nesta sangría industrial, económica e social.
Por isto, na declaración, o Concello acorda dirixirse á Xunta de Galicia para que, en
base ás competencias que ten en materia industrial, “efectúe aquelas xestións
precisas para a continuidade da fábrica de Xuvia e o mantemento dos postos de
traballo, máis aínda tendo en conta que Galicia Textil é unha empresa privada que
durante décadas vén aproveitando recursos enerxéticos públicos para desenvolver
a súa actividade”.
Así mesmo, os representantes municipais tamén se dirixirán á dirección da empresa
facéndolle ver que debe apostar pola continuidade do centro da fábrica de Xuvia e
para elo “debe facer os esforzos precisos adoptando medidas que fagan compatíbel
a viabilidade produtiva co mantemento dos postos de traballo”.
Ademais de amosar publicamente o apoio das forzas políticas ás reivindicacións do
persoal de Galicia Textil, dende o Concello faise un chamamento ás veciñas e
veciños de Neda e de toda a comarca a apoiar a súa loita na defensa dos postos de
traballo e aquelas mobilizacións que convoquen para acadar ese obxectivo.