A alcaldesa de Narón asina convenios coa Escola Superior de Kárate, Ledicia Cativa e o Centro de Recursos Solidarios

Convenio escola kárate

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asinou na mañá deste luns os convenios do Concello co presidente da Escola Superior de Kátate de Narón, Gustavo Vázquez, e co vivepresidente da asociación Ledicia Cativa, José Manuel Borrajo. Ao primero dos actos asistiu tamén o concelleiro de Deportes, Román Romero, se ben no segundo a rexedora local estivo acompañada pola concelleira de Acción Social, Catalina García.

A Escola Superior de Kárate promociona e fomenta este deporte na cidade e organiza campionatos e outros eventos en virtude a este convenio. Entre os máis inmediatos están dous Talleres de Autodefensa para mulleres, que se celebrarán o vindeiro mes de novembro e para o que xa están esgotadas todas as prazas. Corenta alumnas recibirán da man de profesores da Escola Superior de Kárate de Narón unha formación básica –nas instalacións do colexio Santiago Apóstol– que lles permitirá defenderse no caso de ser preciso.

Convenio Ledicia Cativa

O segundo dos convenios asinados , coa ONG Ledicia Cativa, permite traer á cidade cada ano a un grupo de menores procedentes de Chernóbil para pasar parte do verán con familias de acollida.

Así mesmo, a finais da pasada semana a alcaldesa rubricaba tamén un convenio co presidente do Centro de Recursos Solidarios de Narón, para contribuír á prestación do servizo destas instalacións, desde as que se axuda ás familias con escasos recursos. En virtude ao mesmo tamén se organizan diversos eventos ao longo do ano encamiñados a recadar alimentos non perecedoiros, roupa e xoguetes –estes últimos para a campaña Operación Xoguetes, no Nadal- para as persoas que acoden ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. Este acordo asinouno a alcaldesa, Marián Ferreiro, co presidente da asociación, José Manuel González, nun acto ao que tamén asistiu a concelleira de Acción Social, Catalina García.

Os representantes das tres entidades coas que se asinaron os convenios  agradeceron a colaboración prestada desde o Concello de Narón, que economicamente supón ás arcas locais un desembolso conxunto de 25.000 euros. Pola súa banda, a alcaldesa e os edís de Deportes e Acción Social destacaron o traballo que realizan e animáronas a continuar desenvolvendo o seu labor tal e como viñeron facendo ata o de agora, comprometendo a colaboración do Concello.

Lea también

Inaugúrase en Narón o Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia

O Centro de Interpretación dos Muíños Indutriais de Xuvia (CIMIX) está xa aberto á cidadanía …