As ligas de dúatlon e tríatlon incorporan este ano a novidade de sumar unha xornada con relevos mixtos. Isto fai que as mulleres do Triatlón Ferrol, entre as mellores da Primeira División en tríatlon, precisarán esta temporada de dous homes para formar o relevo e, antes, Camila e Melina Alonso axuden ao equipo masculino no relevo mixto de dúatlon.
Desta forma, este sábado o Triatlón Ferrol disputará o campionato de España de dúatlon por clubs de Segunda División con Marcos Ruiz, Iván Puentes, Juan Rejas, Pablo Pedrosa, David Arias, Juanchi González, David García, Carlos Cándano, Roberto Martínez e David Campos.
O domingo as cores da cidade de Ferrol serán defendidas por Melina Alonso, Marcos Ruiz, Camila Alonso e Iván Puentes no campionato de España de dúatlon por relevos mixtos.
“Sempre me gustaron os relevos nunha distancia tan curta que é agónica e nela as transicións teñen máis importancia”, valora Melina Alonso.
O campionato de España de dúatlon por clubs de Segunda masculina dará comezo o sábado ás 13,00 horas en distancia esprinte de 5 km a pé, 18 km de ciclismo e 2,5 km de carreira, no que o posto individual de cada duatleta contará para a puntuación final do equipo.
No relevo mixto, que sairá o domingo ás 13,00 horas, cada duatleta deberá completar un dúatlon superesprinte de 1,5 km a pé, 5,3 de bici e 750 metros de carreira final até dar o testemuño ou cruzar a meta.