Ana Pontón anuncia iniciativas no Parlamento para un modelo eficaz do saneamento en Ferrol

Ana Pontón na súa visita a Ferrol – BNG

A portavoz nacional do BNG, na súa visita a ría de Ferrol para coñecer o actual estado do seu saneamento, anunciou que o BNG presentará no Parlamento galego unha iniciativa para reclamar un modelo “eficaz, seguro e moderno” na área de saneamento e depuración coa separación de augas pluviais e fecais. “Reclamos unha revisión do xa executado e todo o novo que se leve adiante”.

Ademais, considerou “ilóxico” que unha depuradora de carácter supramunicipal non sexa xestionada pola Xunta e sexa cargada ao concello.

O BNG, engadiu, leva moito tempo reclamando un plan de rexeneración integral da ría de Ferrol, “moi castigada pola contaminación” que conleva unha importante perda de postos de traballo no marisqueo e actividades relacionadas co mar.

Pontón denunciou que o Estado “non porá un só euro e que esta decisión supón unha sobrecarga nos recibos para os veciños e veciñas cuestión que tamén dixo, «levaremos na nosa iniciativa para revisar un convenio no que Estado debe asumir o cen por cen das obras«.

A nacionalista insistiu no “trato inxusto” do Goberno central cos veciños e veciñas de Ferrol e Narón por unhas obras de saneamento da ría, declaradas hai 21 anos de interese xeral e o certo, explicou é que continúan “con atrasos na execución” e “trato discriminatorio” por parte do Estado. Dende o BNG, dixo, consideramos que non é xusto que unha cidade como Ferrol, xa dabondo castigada economicamente, teña que asumir o custe das obras para sanear a ría que “son responsabilidade da administración central”.

Pontón reiterou que os veciños e veciñas de Ferrol e Narón pagan os mesmos impostos que noutras partes do Estado e sen embargo “son discriminados” nun dobre sentido: por unha banda pagarán unha parte das obras de saneamento e por outra vailles ser imposto un modelo de sistema de depuración “obsoleto”.

Hoxe en día, e na maior parte dos países modernos, explicou a líder do BNG, apostase pola eficiencia e o medio ambiente e os sistemas para a depuración e saneamento diferencian entre augas fecais e pluviais e resulta “un erro” que a cidade de Ferrol non conte con este sistema.

Pontón afirmou que a taxa de saneamento non só afecta a Ferrol, tamén a marxe norte da ría e o concello de Narón terá que pagar 65 millóns de euros extras que deberá asumir a veciñanza, a pesar de ser unha obriga do Estado. O BNG en Narón así como en Ferrol votou en contra dese “taxazo”, un verdadeiro “abuso” a unha cidadanía que cada vez ten “pensións e salarios máis baixos” e nunha situación socioeconómica “grave” como a que vive esta comarca, denunciou.

O BNG seguirá reclamando que o Goberno do Estado asuma as obras para que non repercutan economicamente nos veciños e veciñas de Ferrol, concluíu a nacionalista.

Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG en Ferrol, Iván Rivas recalcou que o Estado foi quen decidiu o modelo de rede de saneamento que se ía implantar: Un modelo de rede unitaria, con excesivos tanques de tormentas. Dende o BNG fronte este modelo reclamamos un sistema de rede separativa entre augas pluviais e fecais que reduce os volumes de depuración que o fai máis económico e sostible medioambientalmente.

Rivas salientou que foron investidos 140M€ nunha infraestrutura na que o 94% foi xestionada por “empresas coa súa sede fiscal en Madrid” que puxo en marcha un modelo se saneamento “obsoleto” baseado nunha rede cun sistema unitario que ademais nos obriga a pagar pola depuración de augas que non están contaminadas como as augas de chuvia. “Este sistema incrementa os custes para os veciños e veciñas e medioambientais a non resolver os verquidos que se seguen producindo”.

As obras de saneamento e depuración benefician ás empresas que as constrúen a costa do erario público e da economía dos veciños e veciñas deste concello«, remarcou Rivas.

Tras a visita á ria de Ferrol, a portavoz nacional do BNG participou na concentración de persoas pensionistas ante o edificio administrativo da Xunta de Galicia acompañada polo portavoz municipal, Iván Rivas, o alcalde de San Sadurniño , Secundino García Casal e os ex-parlamentarios do BNG, Francisco Rodríguez e Xosé Díaz e destacados membros do BNG da comarca.

Lea también

Corte de tráfico este miércoles en Ferrol, en la calle Coruña, por la sustitución de la bomba de calor del teatro Jofre

La restricción se extenderá durante la mañana y comprende el tramo de la calle Coruña …