En menos de dous días, desde que saíran a venda as entradas o pasado mércores 13, o cantautor uruguaio leva xa vendidas mais da metade das entradas para o concerto que ofrecerá no Teatro Jofre de Ferrol o 19 de xaneiro e que promete ser un gran comezo de ano na tempada cultura do 2018.
A rapidez coa que están a desaparecer as entradas desta cita na nosa cidade é boa mostra da expectación que había polas novas cancións de Jorge Drexler, reunidas no disco “Salvavidas de xeo”, editado o 22 de setembro, do cal xa se avanzou o seu primeiro sinxelo: «Telefonía».
Este álbum foi gravado entre Cidade de México e Madrid, e todo o que soa (excepto as voces) foi gravado integramente con guitarras, todo tipo de guitarras, construíndo un son cálido, rítmico e atractivo.
“É un disco cheo de ritmo, experimentación, melodías, e sobre todo, grandes cancións. En breve escoitaremos unha catarata de percusións, baterías, loops e sintetizadores… pero todos foron creados coa guitarra e os seus materiais. As cordas, a caixa de madeira, a pel dun banjo, o metal dun dobro. Múltiples elementos que proceden da guitarra convertéronse nunha gran banda para este novo proxecto”, segundo definen a produtora dun concerto que promete ser unha das grandes cita da cultura ferrolán para ir abrindo boca este ano.
Outras dúas citas que veñen pisando forte e programadas xa para o 2018, son LOS REYES DEL K.O., que estarán no Auditorio o 9 de febreiro as 21:00 horas, e The Gramophone Alltars BigBang, o 17 de febreiro as 20:30 no Teatro Jofre. As entradas para estas dúas actuacións xa están a venda a través da páxina web do Concello.