A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu a última hora da tarde do martes o acto de presentación dos libros «Me llamo Adou, de Nicolás Castellanos, e «Eu son Suleiman», de Antonio Lozano. A cita deu comezo ás 20.30 horas no Café Teatro do Pazo da Cultura e trala presentación dos libros o público asistente participou no debate posterior, moderado tamén pola alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, organismo este último que organizou o acto.
Ferreiro iniciou a súa intevención agradecendo a presencia en Narón dos autores destas dúas publicacións, dos que ademais destacou a súa dilatada traxectoria profesional e o seu gran coñecemento do tema da migración, entre outros. Así mesmo, recordou que a convocatoria se organizou con motivo da trixésimo terceira edición da Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil programada no Pazo da Cultura e que contempla anualmente representacións teatrais para máis de 6.000 estudantes de Narón e comarca.
“Os libros Eu son Suleiman y Me llamo Adou achegan ao lector conmovedoras historias en primeira persoa. Historias que reficten a desesperación de mulleres e homes, e tamén nenas e nenos que, forzados por determinadas situacións, se ven practicamente obrigados a fuxir dos seus países de orixe na procura dunha vida mellor para eles e as súas familias”, indicou. Tamén destacou Ferreiro que precisamente esa fuxida “está cargada de sufrimento e desesperación pero tamén de esperanza” e valorou o feito de que Lozano e Castellanos traten nos seus libros “a dimensión máis humana da migración”.
Tralas intervencións dos autores e do público a alcaldesa de Narón pechou o acto agradecendo de novo a asistencia de Antonio Lozano e Nicolás Castellanos e tamén do público que acudiu ao mesmo.