Esta mañá en rolda de prensa o alcalde de Ferrol Jorge Suárez, o concelleiro de Deportes Suso Basterrechea, xunto a diversas autoridades presentaron co presidente de Equiocio Federico Perez Lago unha nova edición de Equiocio que este ano ven cargado de moitas novidades e actividades.
Tras varios anos de ter coma sede FIMO este ano Equiocio trasladase ao Campo das Cabazas en Covas e, ademais do xa tradicional Concurso Nacional de Salto, terá diversas zonas para compartir o tempo de lecer en familia. Haberá espazo para zona de restauración, comercial e expositiva ademais dunha mostra fotográfica que contará coas imaxes dos 20 finalistas do Iº Concurso de Fotografía Equiocio que se situarán no stand do Xeodestino, que se traslada a Equiocio.
Nesta edición tamén haberá lugar para a solidariedade tal e como subliñou o presidente de Equioico Federico Pérez Lago “unha iniciativa que xurde da man de Ana Pérez Lago e tendo unha especial atención ás entidades sociais que estarán presentes como AFAL Ferrolterra, ONG Mitrapa Nepal, Asotrame, Camino Universal a Santiago de Compostela, Punta de Couso, Casa da Terra, Bcen, Proxecto 60 e Návitas”.
Pola súa banda o alcalde de Ferrol Jorge Suárez aproveitou a ocasión para “agradecer o traballo e a constancia do equipo de Equiocio para sacar adiante cada nova edición” e engadiu que coa mudanza do emprazamento esta edición servirá “para dinamizar o rural e revalorizar o noso entorno.”