O salón de Plenos do Consistorio aresán acolleu onte unha recepción institucional ás ximnastas locais Carla Vilasánchez e Lidia Martínez, en sinal do recoñecemento aos seus méritos deportivos tras o recente Campionato de España celebrado en Logroño. Ambas deportistas, do Club Ritmo de León e o Clube Acordes de Narón respectivamente, contan con destacados éxitos ao longo das súas carreiras e tiveron un importante papel na competición estatal.
O acto, presidido polo alcalde, no que tamén estiveron presentes membros do grupo de goberno e da corporación, contou coa participación de númeroso público, tanto familiares como veciños, que non quixeron perder a ocasión para apoiar ás homenaxeadas en tal sinalada data.
Tras a intervención do rexedor, na que destacou a importancia do esforzo e a constancia para superarse e acadar as metas, así como o orgullo que supón para o pobo de Ares contar con deportistas de máximo nivel nunha disciplina que ata o de agora non gozou de tradición no municipio, procedeuse á sinatura no Libro de Ouro por parte das ximnastas, ás que se lles entregou un agasallo institucional como colofón desta homenaxe.
Tanto Carla como Lidia plasmaron o seu agradecemento aos presentes pola súa asistencia neste día, e destacaron especialmente o apoio das súas familias, adestradores e amigos na progresión das súas carreiras.
O ateigado salón de Plenos contou tamén coa presenza de 60 ximnastas de distintas nacionalidades que participaron no XXI Encontro internacional de Ximnasia Rítmica organizado polo Club Esquío de Ferrol.