Aberto o prazo de presentación de traballos ó II Concurso de Relato Curto e Debuxo Letras Galegas 2017

O prazo de presentación de traballos á segunda edición do Concurso de Relato Curto e Debuxo Concello de Valdoviño-Letras Galegas 2017 está aberto. O certame, convocado pola Concellería de Cultura, está dirixido ós rapaces e rapazas empadroados no Concello de Valdoviño e tamén ás alumnas e alumnos dos centros educativos do municipio –CPI Atios e CRA “O Esquío”-. As súas creacións deben centrarse en diferentes obras de Carlos Casares, autor ao que se lle adican este ano as Letras Galegas. O prazo conclúe o 16 de maio e as obras deben entregarse na Casa da Cultura de 10 a 14 horas os días laborables.

O alumnado de 4º, 5º e 6º curso de Educación Infantil poderá participar na modalidade de debuxo, namentras que o 1º e 2º ciclo de Primaria poderá elixir entre debuxo e relato –iso si, cada persoa só pode participar cun único traballo e unha soa opción-. Así mesmo, a modalidade de relato vai dirixida ó 3º ciclo de Primaria e 1º e 2º ciclo de ESO.

O certame busca contribuír a estimular o coñecemento e uso do galego como lingua vehicular para, deste xeito, tomar conciencia do idioma e da cultura transmitidas polos nosos devanceiros tanto a través da escrita como da palabra, e, a través das mesmas, dar forma á expresión artística.

Concederase un premio por ciclo, que consistirá nun libro e nun diploma, e as bases do concurso poden consultarse na web municipal.

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …