O pavillón polideportivo da Gándara acollerá este domingo, día 9, a décimo sexta edición do Trofeo de Baile Deportivo Cidade de Narón e o Campionato galego de Danza coreográfica. O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou esta actividade acompañado pola vicepresidenta do Padroado da Cultura do Concello de Narón –colaborador no evento- Marián Ferreiro, e por Sandra García, do Club de Baile Deportivo Narón, organizador do evento, xunto coa empresa Tedaga. Uns catrocentos bailaríns chegados de diferentes localidades de España e Portugal participarán neste evento, un dos fixos no calendario de actividades anuais do Padroado de Deportes de Narón.
O “XVI Trofeo de Baile Deportivo e o Campionaro Galego de Danza coregráfica” desenvolveranse entre as 10.00 –coa recollida de dorsais- e as 21.00 horas, ininterrompidamente, e haberá premios para todos os finalistas, tal e como indicou Romero. No Campionato galego de Danza Coreográfica participarán un total de once grupos, mentres que no ranking nacional de parellas e no Open internacional bailarán unhas 130 parellas, tal e como avanzou Sandra García. A representante do Club de Baile Deportivo Narón agradeceu a colaboración do Concello de Narón e valorou “o traballo realizado polas persoas que forman parte deste clube local, todo un referente neste tipo de probas depotivas”.
A partir das 11.00 horas darán comezo os catro primeiros bloques, de Latinos Territorial, Estándar de tódalas categorías e Open Standard, as precompeticións de diferentes modalidades de baile e latinos. Romero destacou o feito de que “un ano máis se desenvolva no noso concello este evento deportivo, no que participarán moitos veciños e veciñas de Narón afecionados ao baile e que acoden regularmente a competicións dentro e fóra de Galicia”. Na mesma liña se pronunciou a vicepresidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, que incidiu no feito de que “Narón é hoxe en día todo un referente, entre outras áreas, a nivel deportivo, e mostra disto é o feito de que se desenvolvan na nosa cidade este tipo de actividades e tamén o éxito das escolas que desde o Concello se impulsan a través dos Padroados de Cultura e, neste caso, Deportes”.
As entradas teñen un prezo de seis euros para os maiores de catorce anos e de tres euros para o resto de asistentes. Poden adquirirse na taquilla do pavillón polideportivo da Gándara ese mesmo día a partir das 9.00 horas. Os resultados das diferentes categorías, que serán valorados por cinco xuíces, un italiano, un portugués e tres españois, poderán consultarse na páxina: www.bailegalicia.net, onde se ofrece máis información sobre este evento deportivo.