Este mércores 8 de marzo, coincidindo co Día Mundial da Muller, o Ateneo Ferrolán presentará, a partir das 19:30 horas o seu libro “Actas do Congreso Centenario de Hildegart Rodríguez Carballeira” que tivo lugar en decembro de 2014.
Este libro é unha recopilación das actas deste congreso e é publicado grazas o apoio da Deputación da Coruña, a través da súa imprenta.
O 9 de decembro de 1914 nacía en Madrid Hildegart Rodríguez Carballeira. Filla da ferrolá Aurora Rodríguez Carballeira, Hildegart foi un importante personaxe da cultura e da política até o ano da súa morte en 1933.
Publicou unha decena de libros e foi colaboradora de publicacións periódicas como “Renovación”, “El Socialista”, “Orto” e “La Tierra”, ademáis de directiva das Juventudes Socialistas e da Liga para la Reforma Sexual. Estivo en contacto con importantes personaxes da época como Havelock Ellis, H.G. Wells ou Gregorio Marañón.
A súa vida e a súa tráxica morte a mans da súa nai, en decembro de 1933 (cando só contaba 19 anos), fixeron dela un personaxe recreado en novelas, obras de teatro e mesmo filmes, ademáis de investigacións históricas.
Cen anos despois do seu nacemento, o Ateneo Ferrolán considerou preciso convocar un Congreso arredor de Hildegart Rodríguez Carballeira, para lembrar a súa figura dende diversas facianas: ao tempo que tentar encadrar o seu pensamento no eido da liberación sexual e da crítica de esquerdas á II República, o Congreso quere recuperar tamén a memoria das mulleres e dos colectivos femininos da súa xeración.