O Concello de Cabanas aproba unha rebaixa das tasas do programa Mencer na Escola

O Concello de Cabanas aprobou en pleno unha rebaixa para as familias das tasas do programa de conciliación Mencer na Escola. Un proxecto que impulsa a Concellería de Servizos Sociais de Cabanas en colaboración coa ANPA O Castiñeiro e o CEIP Eladia Mariño e no que participan actualmente 23 familias. En concreto, o servizo de 4 ou 5 días á semana con almorzo pasará dos 38 euros que se pagaba no pasado curso ós 30 euros que se abonará agora, namentras que o servizo sen almorzo pasa dos 30 euros ós 21. Así mesmo, dende o Concello lémbrase que tamén hai a posibilidade de solicitar o programa tres, dous ou un día e pagar por el 15 euros con almorzo e 10 sen el. E, por último, a opción de adherirse días puntuais, cuxo prezo é de 3 euros con almorzo e 2,5 sen el.

Non só iso, o Concello tamén conta con bonificacións do 50% do custe do servizo para irmáns e descontos que, con previo informe do departamento municipal de Servizos Sociais, poden alcanzar o 100%.

Este programa púxose en marcha no ano 2009 e supón unha medida de apoio para posibilitar a conciliación da vida familiar, persoal e laboral, orientada principalmente a aquelas familias que non poden contar con outros recursos da rede social destinados a este fin. Dirixido ó alumnado de Educación Infantil e Primaria do CEIP Eladia Mariño, desenvólvese todas as mañás lectivas do curso escolar desde as 7,30 ata as 9,30 horas. Realízanse actividades recreativas e socioeducativas para os nenos e nenas, e se proporcionan almorzos saudables para aqueles e aquelas que o solicitan.

Lea también

Casa Ignacio proclamouse como o mellor petisco do IV Saborea Cerdido

Acadou o galardón ao acadar 847 puntos nunha edición na que participaron máis de 300 …