O Pazo da Cultura de Narón acollerá esta fin de semana dous espectáculos, un de teatro, coa obra Cervantina, a cargo da Compañía Nacional de Teatro Clásico e Ron Lalá, e outro musical, Na punta do pé, do grupo Pesdelán, todo un guiño á música e a danza populares.
A representación teatral será o venres, día 30, ás 20.30 horas, mentres que o espectáculo musical terá lugar na xornada do sábado, día 1 de outubro, a partir das 20.00 horas. As entradas para ambas propostas están xa á venda na taquilla do Pazo, a un prezo cada unha de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para abonados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e desempregados.
CERVANTINA
A obra Cervantina, baseada en textos de Miguel de Cervantes, é unha coprodución da Compañía Nacional de Teatro Clásico e Ron Lalá. O público poderá recoñecer nesta peza fragmentos de recoñecidas novelas como Don Quijote de la Mancha, La gitanilla ou El coloquio de los perros, entre outros. O humor, a adaptación dos textos e a evolución dos personaxes que protagonizan esta obra de teatro clásico son dous factores a ter moi en conta neste espectáculo, que constitúe toda unha homenaxe ao escritor español Miguel de Cervantes.
NA PUNTA DO PÉ
No caso do espectáculo Na punta do pé os asistentes terán a oportunidade de escoitar temas do primeiro disco do grupo Pesdelán, do que xa se venderon milleiros de copias. A participación do público e a recuperación das festas caracterizan os seus traballos, con míusicos que interpretarán un amplo repertorio co que gozará o público asistente.