O Pazo da Cultura acolle mañá a comedia teatral «Get Back»

O Pazo da Cultura de Narón acollerá mañá a estrea da comedia teatral Get Back, da compañía Eme-2 Emoción&Arte é a encargada do espectáculo, que comezará ás 20:30 horas. A concelleira de Cultura e vicepresidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, presentou hoxe a obra acompañada polo director, Jorge Coira, o autor, Diego Ameixeiras, e Mercedes Castro e Federico Pérez, integrantes do elenco. A representación, dunha duración de hora e media, tamén terá lugar na xornada do sábado, día 24, a partir das 20 horas. As persoas interesadas en acudir a esta cita cultural poden adquirir as entradas na billeteira do Pazo, a un prezo de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para desempregados, persoas con carné xove ou de estudante (ata 25 anos) e abonados.

Miguel Guido, Alfonso Agra e Tamara Canosa completan o elenco desta obra, procedentes do mundo do teatro nalgúns casos pero tamén do audiovisual e que estarán durante todo o espectáculo subidos ao escenario. A comedia comeza cun incidente no metro de Londres e aborda o tema da emigración. Catro galegos e un inglés son os protagonistas da historia, na que a retranca tras o incidente xogará un papel fundamental no desenvolvemento dos feitos.

A actriz Mercedes Castro agradeceu ao Concello de Narón e ao Padroado da Cultura a boa acollida «do equipo técnico e humano, en nome da compañía Eme2 Emoción&Arte». Sobre o espectáculo en si, unha idea orixinal do escritor e xornalista Camilo Franco, o tamén xornalista e guionista Diego Ameixeiras destacou que «é un traballo fundamentalmente en grupo, no que tiven a sorte de que a medida que ía escribindo mantiña reunións con todo o equipo, e no tramo final fomos afinando o texto e tiven a sorte de que me convidaran aos primeiros ensaios, o que foi unha experiencia moi gratificante».

O traballo de documentación realizado por Camilo Franco cobra especial relevancia nesta historia, tal e como apuntou Ameixeiras, que incidiu en que «hai unha parada física e emocional na que o público poderá coñecer as esperanzas e derrotas destes galegos que marcharon, como moitos, a Londres a buscar a vida».

A de mañá será a primera ocasión na que Jorge Coira dirixirá unha obra de teatro, según el mesmo explicou. «Eu vin teatro en Narón varias veces pero a estrea é algo completamente novo e teño moitas ganas de que chegue ese momento». Coira incidiu no feito de que «Narón é un dos municipios de toda Galicia donde hai un público máis formado, máis especializado e máis potente en teatro, algo que tamén impón moito respecto». Así mesmo, asegurou que a obra desenvólvese «durante unha hora e media na que pasan moitas cousas, e na que os personaxes poden mirarse a si mesmos un momento e ver qué lles falta e qué ocorre; é unha mistura de comedia e drama».

A edil de Cultura recordou que a representación de Get Back será a primeira das estreas contempladas na programación aprobada polo Padroado da Cultura para o segundo semestre deste ano. Ferreiro animou á veciñanza a acudir a este espectáculo, «que teremos a honra de poder estrear en Narón no marco desta programación do segundo semestre do ano do Padroado da Cultura, que contempla unha ampla oferta dirixida a diferentes tipos de público nos diferentes espectáculos contratados e na que haberá outras estreas teatrais».

Lea también

Inaugurada en San Xiao de Narón una imagen del Patrón tallada sobre un tronco por Carlos García

En la mañana de este domingo, día 28, el obispo de Mondoñedo-Ferrol Fernando García Cadiñanos, continuó …