A axenda para os próximos días en San Sadurniño vén marcada por unha das festas máis multitudinarias de toda a volta e por un evento deportivo que se recupera tras varios anos sen se celebrar. Así, o sábado á tarde o pavillón polideportivo acollerá o XIV Trofeo de volei Concello de San Sadurniño organizado polo Aldebarán-Intasa como parte da súa preparación da temporada na SM2, mentres que en Bardaos hoxe arranca un maratón festeiro na honra de Santa María ou, mellor dito, do San Pipote.
O VIX Torneo de volei comezará o sábado ás 17 horas, e disputarase cun formato triangular no que se enfrontarán, ademais do anfitrión, outros dous participantes na próxima temporada da SM2: o Náutico Boiro Voleibol e o Voleibol Dumbría.
Os emparellamentos e horarios previstos quedaron configurados da seguinte maneira: ás 17 horas xogarán o Dumbría e o Boiro, ás 18 horas tocaralle ao Aldebarán-Intasa contra o perdedor do primeiro enfrontamento e ás 19 horas disputarase o último partido enfrontando ao equipo local contra o ganador do partido das 17 horas.
Para o clube local este será o primeiro partido de pretemporada co unha formación renovada en parte na que, con respecto á anterior temporada, só marcou baixa Fran, que militará no Cáceres. A liga arranca en outubro e os dous primeiros enfrontamentos reservados para o Sansa son fóra da casa, o 1 en Valladolid e o 8 en Tenerife, polo que haberá que agardar ao día 15 para volver ver no pavillón municipal ao primeiro equipo do Aldebarán, que nesa ocasión se medirá ao CyL Palencia 2018.
San Pipote
E no apartado festeiro é obrigado facer referenza á patroa de Bardaos, Santa María, que a parroquia celebra desde hoxe e ata o domingo. Máis coñecida polo outro nome, o de San Pipote, esta é unha das festas máis multitudinarias da comarca. Volve repetir a estrutura que tan ben lle funcionou nos últimos anos, cun comezo o xoves en plan suave no local social coa actuación ás 23 horas do grupo folc de recente creación Encrucillada e tamén coa proxección do vídeo promocional da festa, que tras tres anos sen se facer, volve a todas as pantallas virtuais con realización do chanfaineiro Bieito Beceiro e a participación da veciñanza da parroquia.
Mañá venres a festa xa se traslada ao campo anexo á igrexa parroquial. Ás 13 horas haberá misa e posteriormente sesión vermú animada polo grupo Samba, que á noite subirá ao escenario alternando coa orquestra Galilea.
O sábado, día central do San Pipote, tamén teremos misa e sesión vermú -orquestra Venecia- e, trala sobremesa, a iso das 18 horas, o contorno da área recreativa volverá converterse en escenario das Olimpiadas parroquiais con todo tipo de retos disparatados cos que poñer a proba forza, habilidade e resistencia.
Pola noite actuarán Venecia e Costa Oeste e sobre a 1 da madrugada percorrerá o campo da festa a procesión pagá do San Pipote, ese inmenso bocoi cheo de calimotxo que despois calquera poderá degustar ad-libitum. A festa rematará o domingo ao mediodía xa sen misa pero cunha sesión vermú dirixida a quen queira ir desconectando pouco a pouco ou, mellor dito, a quen aínda teña aguante despois de tres días sen parar.