A terceira edición da Festa Infantil Cidade de Narón terá lugar o vindeiro domingo 4 no Parque fluvial de Freixeiro. Os nenos poderán gozar dunha gran variedade de actividades organizadas polo Concello e a empresa La Guagua. A edil de Festas, Mar Gómez, e a xerente da citada empresa, Carla Iglesias, presentaron esta mañá o evento, que se desenvolverá en horario de 12 a 14 horas e desde as 16 ata as 20 horas horas. A concelleira naronesa animou aos veciños a sumarse a esta convocatoria lúdica e cun apartado didáctico a través de varios obradoiros pensados para o público infantil e nos que tamén poderán implicarse as persoas maiores.
Ao longo da mañá e da tarde haberá unha serie de actividades e atraccións permanentes, como inchables –dous deles serán acuáticos e dous secos, cun específico para menores de tres anos-, touro mecánico, camas elásticas, obradoiros de globoflexia, maquillaxe e pompeiros –para facer pompas de xabón- e tobogáns acuáticos, entre outras. Así mesmo, permanecerá operativo un circuíto de karts que se instalará no parque para a ocasión. O programa inclúe ademáis unha xinkana de habilidades, a partir das 12 horas, na que se desenvolverán varias actividades, unha delas cunhas gafas idiotizadoras que distorsionan a visión, e un pequeno musical: Lúa en Vila dos libros, ás 13 horas.
Xa pola tarde, ás 16:30 horas, comenzará o CantaeBaila, con cancións típicas da Guagua e tamén un apartado específico con música galega, e ás 18 horas será a actuación do Paiaso Popin. A convocatoria inclúe a partir das 19 horas a Festa da espuma e auga, unha das citas que congrega a un maior número de persoas nesta cita, tal e como destacou a edil da área.
A concelleira de Festas recordou que esta convocatoria, que alcanza este ano a súa terceira edición na localidade, servirá para dar por rematadas as actividades de verán programadas desde o Concello para os nenos antes do inicio do próximo curso escolar. «O entorno no que se celebra a Festa Infantil permitirá aos asistentes gozar dunha xornada festiva cunha gran variedade de actividades, todas de balde», subliñou Gómez.