Denuncian a supresión de servizos de transporte ferroviario da antiga FEVE

(Foto: Enrique Pernas).
(Foto: Enrique Pernas).

Entre o domingo e o luns, Renfe Viajeros -a antiga FEVE- suprimiu 13 servizos de transporte na liña ferroviaria que suca o norte da provincia. A maioría das suspensións afectáronlle a traxectos que pasan por San Sadurniño e, segundo parece, estiveron motivadas por problemas nas máquinas. Unha situación que os concellos  afectados e a plataforma en defensa do Ferrocarril Ferrol-Ribadeo denunciaron en repetidas ocasións e que mesmo lle trasladaron á Conselleira de Infraestruturas por escrito e na xuntanza mantida en Cariño no mes de abril. Daquela as alcaldías solicitaron solucións urxentes que deberían aplicarse para o mes de setembro, cadrando co comezo do curso escolar. Porén, segundo se sinala desde as alcaldías de San Sadurniño e Moeche «a cousa parece que vai a peor».

Na reunión do mes de abril, a titular autonómica de Infraestruturas, Ethel Vázquez, sinalou que o seu departamento «está a velar polo estrito cumprimento dos servizos que prestan as empresas de transporte», tanto por estrada como por ferrocarril. Daquela a conselleira animou aos municipios a que lle trasladasen as súas propostas concretas de cara a mellorar os servizos, mentres que os Concellos solicitaron abordar o problema sentando na mesma mesa á Xunta, aos municipios e ás empresas concesionarias, principalmente Adif-Renfe. No mes de xuño os concellos achegaron un completo informe da situación elaborado pola plataforma xunto cunha proposta de melloras en canto a liñas e horarios que optimizasen o transporte ferroviario entre Ferrol e A Mariña.

Porén, tal e como asegurou este martes a alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, desde aquela non houbo máis resposta nin para a solicitude dunha xuntanza a tres bandas nin sobre a adopción de medidas por parte da Xunta. É máis, o transporte ferroviario segue sufrindo cortes e suspensións de servizos motivados na súa maioría polo deficiente estado da maquinaria ou das vías. Secundino García sinalaba tamén que «a cousa parece que vai a peor en vez de mellorar, como sería de agardar. En dous días suspendéronse ata 13 servizos de tren dos que case todos lle afectan ás persoas usuarias de San Sadurniño». O alcalde refírese  ás deficiencias no transporte que se produciron este domingo e mailo luns:

Día 7:
Ferrol – San Sadurniño das 14.49 suprimido por falta de material.
San Sadurniño – Ferrol das 15.57 suprimido por falta de material.
Ferrol – San Sadurniño das 16.00 suprimido por falta de material.
San Sadurniño – Ferrol das 16.30 suprimido por falta de material.
Oviedo – Ferrol das 14.30 suprimido entre Pravia e Ferrol por avaría de material en Pravia.

Día 8:
Ferrol – Xubia das 11.15 suprimido por falta de material
Xubia – Ferrol das 11.30 suprimido por falta de material
Ferrol – Xubia das 12.45 suprimido por falta de material
Ferrol – Ortigueira das 13.00 suprimido entre Xubia e Ortigueira por falta de material.
Ortigueira – Ferrol das 15.05 suprimido por falta de material.
Ferrol – Xubia das 16.30 suprimido por falta de material.
Ferrol – San Sadurniño das 18.15 suprimido entre Xubia e San Sadurniño por falta de material.
San Sadurniño – Ferrol das 19.03 suprimido por falta de material.

A situación é cualificada como «moi grave» polo rexedor local, quen alude a un «progresivo desmantelamento do transporte ferroviario». Secundino García lembrou que os municipios levan desde o ano pasado reivindicando melloras na mobilidade cidadá que van en dúas direccións. Unha, a reordenación e modificación de rutas no transporte público por estrada «adaptadas ás necesidades reais da poboación», mantendo paradas e facilitando a interconexión co transporte ferroviario. E a outra, centrada no tren, pide que se cumpran os horarios solicitados pola Plataforma pola defensa do ferrocarril Ferrol-Ribadeo, que RENFE achegue máis recursos ao servizo, que se axeiten os horarios ás necesidades da xente e que se asegure o mantemento en boas condicións da infraestrutura. Unha petición esta última que se estende tamén á liña convencional Ferrol-A Coruña.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …