O PPdeG celebrará o Día de Galicia cun acto no Xardín Botánico de Padrón

O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, ofreceu no día de hoxe unha rolda de prensa na que anunciou a próxima celebración por parte do PPdeG dun acto de celebración do Día de Galicia. Dito acto terá lugar na tarde do venres 22 de xullo no Xardín Botánico de Padrón.

Tellado explicou a elección de Padrón polo simbolismo que aporta a celebración dun acto «rodeados de árbores senlleiras que simbolizan o enraizamento do partido coa nosa terra e rodeados de referencias literarias plurais que nos identifican como partido que exerce un galeguismo integrador en lugar dun nacionalismo sectario». Abondando neste contraste, o número dous do PPdeG defendeu que «fronte a partidos que reivindican o seu amor a Galicia dende o odio e que desprezan ás eleccións políticas da maioría social galega e non aceptan a pluralidade ideolóxica, identitaria ou lingüística do noso país, o PPdeG ve Galicia con orgullo e por iso é o partido que máis se parece a ela», asegurou.

«Nós dicimos que Galicia, por moitos motivos, non é Castela nin é Madrid, pero o dicimos sen ter nada en contra de Castela nin de Madrid e sen renunciar aos vínculos históricos moi profundos que nos unen co resto de España», destacou Tellado.

Defendeu tamén a identificación do PPdeG coa loita histórica do galeguismo, que «foi a de ter institucións propias que se gobernen segundo decida o pobo galego. «En troques, outros desprezan estas institucións cando o pobo galego decide o que eles queren, actitude que en ningún caso pode ser galeguismo», destacou o popular.

Tellado fixo unha síntese da defensa das institucións propias realizada polo PPdeG nesta lexislatura: dende a blindaxe da capacidade executiva ao manterse fora da intervención económica por parte do goberno central ata a mellora da representatividade do poder lexislativo galego «con instrumentos que non existen en ningunha outra asemblea autonómica, como as iniciativas cidadás de impulso».

Asemade, o secretario xeral do PPdeG lembrou o reforzo que nesta lexislatura viviron todas as institucións propias: «o Consello Consultivo coa facultades de elaborar proxectos de lei por encargo da Xunta; o Consello de Contas gañando competencias en materia de prevención da corrupción ou o Valedor do Pobo converténdose no órgano de control da transparencia da administración galega», recordou Tellado.

Por último, reivindicou que «somos galeguistas porque cremos na sabedoría da sociedade tradicional galega, tal e como facían Brañas ou Otero Pedrayo», contrastando esta actitude co «adanismo de quen cre que está a inventalo todo, desprezando así as leccións dos nosos devanceiros. O PPdeG, en cambio quere usar ese pasado para cimentar o noso futuro».

Este novo acto conmemorativo, concluíu Tellado, sumarase á tradicional ofrenda floral de Novas Xeracións no Panteón de Galicia. Porén, considerou acaído instaurar un acto propio do partido porque «é o lóxico nun partido galeguista, é o lóxico nun partido que representa á maioría social de Galicia e é o lóxico nun partido que cre que estas dúas cousas teñen, necesariamente, que ir da man».

O partido que máis preto está de Galicia

Tellado fixo tamén un primeiro balance da xira A Galicia que ti queres, sinalando que o presidente Feijóo «está moi satisfeito de cómo está funcionando esta ruta que o ten levado xa polas catro provincias e que volverá a levalo por todas elas ao longo da vindeira semana».

«Está recibindo directamente da xente información moi valiosa de cómo perciben o funcionamento dos servizos públicos e está a recibir propostas de mellora para as nosas políticas», salientou Tellado, quen ligou esta boa acollida ao feito de que «nun momento no que a nivel nacional a xente percibe políticos que nin sequera se queren escoitar entre eles, valórase moito máis a un proxecto que baixa á rúa a escoitar a todo o mundo, sexa ou non do seu partido e sexa ou non das súas ideas».

Para Tellado, o resultado desta xira «amosa unha vez máis que é verdade cando dicimos que somos o partido que máis se parece a Galicia e que máis preto está de Galicia, así como o grande contraste derivado de que mentres Feijóo está saíndo á rúa a escoitar tranquilamente, de ti a ti, as propostas da cidadanía, os outros partidos están pechados nas súas sedes berrándose entre eles por liortas internas».

Condolencias polo antentado en Niza

Miguel Tellado quixo comezar a súa rolda de prensa expresando «as condolencias por parte do Partido Popular de Galicia co pobo francés e coas vítimas do atentado terrorista que se produciu onte en Niza».

O secretario xeral do PPdeG apelou «á unión de todas as persoas demócratas e de todas as persoas que queren vivir en sociedades abertas e libres para manternos xuntos contra o fanatismo e contra a intolerancia».

«En Europa caben todas as persoas, de todas as procedencias e de todas as relixións que queiran e saiban vivir no respecto mutuo, na tolerancia e na liberdade e o que non cabe é ninguén que queira vivir dende u odio, dende a intolerancia ou dende a imposición», concluíu Tellado.

Lea también

La borrasca Caetano obliga a activar alertas nivel naranja y amarillo por vientos y lluvias en Galicia este jueves

Además, MeteoGalicia informa de varios avisos nivel amarillo por lluvias acumuladas puntualmente superiores a los …