O Punto Limpo de Narón, localizado no polígono industrial de Río do Pozo, conta desde hai uns días con catro cámaras de vixilancia coas que se pretenden evitar os roubos que últimamente se perpetraron nas instalacións e outro tipo de condutas ilícitas. O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, explicou que «se realizou un desembolso de 2.126,13 euros para facer fronte á instalación deste novo sistema de control que axudará a identificar e, posteriormente, sancionar a aquelas persoas que realicen este tipo de prácticas».
A entrada de persoas no recinto do Punto Limpo nas horas en que o servizo está inoperativo para roubar certos tipos de residuos alí depositados era unha práctica que se repetía con certa asiduidade durante as fins de semana, explicou o concelleiro. «Agora, coa instalación de cámaras controlaranse máis polo miúdo ese tipo de actos, ao igual que a aqueles usuarios que deixan os materiais a depositar no Punto Limpo ás portas das instalacións cando están pechadas ao público. Trátase de condutas que son sancionables e sobre as que continuaremos exercendo unha férrea vixilancia», advertiu Santalla, que apelou tamén desde o Concello á colaboración cidadá para que se denuncien este tipo de prácticas «e que non queden impunes».
As instalacións do Punto Limpo do Concello de Narón permanecen abertas de luns a venres, en horario de 9 a 13 e de 16 a 19 horas. Os sábados pola mañá tamén de 9 a 14 horas, debendo a cidadanía adaptarse a estes horarios. Os particulares poden depositar metais, restos de xardinería, mobles, aceites vexetais e de motor, electrodomésticos, baterías, pilas, pinturas, medicamentos e outros artículos –que se poden consultar na páxina web do Concello de Narón, no apartado do Punto Limpo- en cantidades estipuladas por usuario e mes, dependendo do tipo dos residuos.
O edil naronés recordou que as posibles sancións a aplicar na Ordenanza de residuos e limpeza viaria poden alcanzar os 3.000 euros, no caso das calificadas como moi graves.
Santalla destacou a importancia da colaboración cidadá para evitar este tipo de condutas ilícitas, ao tratarse de roubos nalgúns casos e noutros por atentar directamente contra o medio ambiente, ao deixar os residuos en zonas inapropiadas para tal fin. “Se todos colaboramos non será preciso multar a ninguén por este tipo de feitos e contribuiremos a ter un concello cada día máis limpo”, apuntou o concelleiro de Servizos.