Este domingo Narón organiza a sétima andaina do programa «Ponte en Ruta con nós»

Unhas 150 persoas participarán este domingo 29 na sétima andaina do programa municipal Ponte en Ruta con nós, organizado polo Concello e a empresa Arasti Barca.

Coñecemos Narón é o percorrido da xornada, na que os asistentes tratarán de coñecer o maior número de parroquias da localidade posible nun tramo de aproximadamente vinte quilómetros. A saída será do pavillón polideportivo da Gándara, e os camiñantes deberán estar nas inmediacións das citadas instalacións deportivas ás 8:45horas.

O programa Ponte en ruta con nós iniciouse o pasado mes de novembro. Desde entón, cada convocatoria reuniu a decenas de persoas que se sumaron a este evento deportivo, pensado para gozar do deporte ao aire libre e, ao mesmo tempo, para coñecer máis polo miúdo diferentes puntos do municipio naronés.

A participación no programa ten un custe de tres euros, cantidade coa que se sufragan os gastos derivados do transporte en autobús ao punto de inicio da ruta e de regreso unha vez rematado o percorrido. Os camiñantes realizan unha parada para tomar un refrixeiro e reciben un agasallo en recordo da súa participación.

Lea también

Mil catrocentos escolares inundan Narón de galego no Correlingua 2026

Narón viviu este martes unha auténtica festa da lingua. Arredor de 1.400 alumnos de infantil …