Narón acollerá en xuño a Concentración Moteira e as Xornadas de Turismo Activo

O paseo marítimo de Xuvia acollerá os días 3, 4 e 5 de xuño a XI Concentración Moteira Cidade de Narón e as VI Xornadas de Turismo Activo, eventos organizados polo Motoclub Fojeteiros coa colaboración, entre outras entidades, do Concello de Narón.

O edil de Deportes, Román Romero, presentou esta mañá a convocatoria acompañado polo presidente de Fojeteiros, José López Quintián, e por Vanesa Galaso e Raquel García, vocal e tesoureira, respectivamente, deste motoclube. A organización confía en alcanzar as cincocentas inscricións de moteiros, unha cifra similar á de edicións anteriores. A convocatoria terá un apartado solidario, ao colaborar un ano máis cunha recollida de tapóns de plástico –habilitando un espazo en Xuvia para depositalos- para a iniciativa Alba, la promesa, coa que se recaudan fondos para loitar contra o cancro infantil.

A inauguración da convocatoria será o día 3 ás 18 horas, coincidindo coa apertura de inscricións e cun Mercadillo Moteiro no que se venderán diferentes artículos relacionados co mundo das motos. No paseo de Xuvia instalaranse atraccións infantís e baixo unha carpa haberá unha cea, a partir das 21 horas, a base de callos á galega, e desde as 22 horas un concerto a cargo de La Banda de Nash, Zentholos e Riff-Raff. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo o venres, e tamén o sábado, abonando unha tarifa de 35 euros polos tres días –incluíndo a cea do venres, o xantar e a cea do sábado e o almorzo do domingo- ou 30 euros no caso de inscribirse para o sábado e o domingo –estando incluídos o xantar, unha cea e un almorzo-. As persoas que tan só desexen asistir ás comidas e ceas programadas poden facelo abonando unha cuota específica para as mesmas: 10 euros pola cea do venres; 10 euros polo xantar do sábado; 15 euros polacea do sábado e 15 euros polo almorzo do domingo.

A apertura de inscricións do sábado será ás 10:30 horas, coincidindo de novo co inicio do Mercadillo Moteiro no paseo de Xuvia. Ás 11 horas sairá a Ruta mototurística desde o paseo cara a Cedeira e San Andrés de Teixido e ás 14 horas realizarase unha parada para un xantar na ruta, na área recreativa do Castro, en Cerdido, a base de paella e pizza, para regresar de novo a Xuvia sobre as 16 horas. Ás 17 terá lugar unha exhibición de trial a cargo de Víctor Ares e Jorge Muñiz e ás 21 horas comezarase a servir a cea baixo a carpa, cun menú a base de churrasco e criollos e, ao remate da mesma, entregaranse os trofeos aos participantes. O tradicional Desfile de antorchas pola estrada de Castela, entre o paseo de Xuvia e a Ponte das Cabras, sairá ás 23:30 horas pero sobre as 23 iniciarase o reparto de bandeirolas entre o público polo citado tramo. A gran festa moteira programada para o sábado será a cargo de Dreamers Dj’s.

Por último, o 5 de maio ás 10 horas servirase un almorzo baixo a carpa e ás 11.00 partirá a Ruta mototurística pola Costa Ferrolá, con pinchada no percorrido. O xantar baixo a carpa de Xuvia a base de langostinos á prancha e xamón escaldado será ás 14:30 e ás 15 horas comezarán a sortearse agasallos entre os participantes para, ás 16:30 horas, proceder á clausura desta edición da concentración moteira.

O presidente do Motoclub Fojeteiros explicou que xeralmente se concentran na cidade durante este evento unhas 2.000 motos, o que supón a maiores contar cun público, indicou, que pode alcanzar as 10.000 persoas. O edil de Deportes naronés destacou o éxito desta convocatoria que «ademais de reunir ano tras ano na nosa localidade a moitísimos afeccionados e afeccionadas ao mundo do motor, é unha excelente oportunidade para dar a coñecer o noso concello e a nosa comarca», asegurou.

As persoas interesadas en recibir máis información poden dirixirse ao correo electrónico info@motoclubfojeteiros.com; á páxina web www.motoclubfojeteiros.com ou, para inscribirse, chamar ao número de teléfono 615 553 909.

Lea también

Lucas Pérez convidado de luxo en Narón na entrega de diplomas do campus Xoán Ramos

A alcaldesa Marián Ferreiro e o edil de Deportes, Ibán Santalla, acompañaron o futbolista de …