O PPdeG da comezo á organización do XVI Congreso autonómico

O portavoz do populares galegos, Miguel Tellado, avanzou en rolda de prensa que o PPdeG deu comezo á organización do XVI Congreso autonómico co que o partido culminará o proceso de renovación iniciado hai sete meses coa súa ponencia política e que tivo continuidade en marzo coa celebración dos congresos provinciais.

Así o manifestou o voceiro trala constitución oficial da Comisión Organizadora do conclave que tivo esta mañá, para comezar a tomar as primeiras decisións que dan inicio ao proceso congresual.

Tellado anunciou que unha das determinacións acordadas é que os candidatos a presidir o partido poderán iniciar a súa campaña electoral no momento en que formalicen a súa candidatura. «Do que se trata é de fomentar a participación, que poidan recorrer Galicia para presentar o seu proxecto e facelo o máis dinámico posible», dixo o portavoz.

Así mesmo, o voceiro asegurou que xa teñen repasado o cronograma do congreso convocado o pasado sábado pola Xunta directiva do PPdeG e que agora están no prazo aberto, ata o próximo 18 de abril, para que calquera afiliado poida presentar a súa candidatura, sendo preciso acompañala tan só de 90 firmas dos 100.000 afiliados que ten o partido.

Ademais, Tellado avanzou que está xa aprobado o modelo para a recollida de sinaturas e que está dispoñible na web do partido.

O portavoz tamén apuntou que ían participar neste proceso 2.000 compromisarios, dos que 213 son membros da Xunta directiva e da Comisión Organizadora do congreso. No tocante á representación da emigración, o portavoz sinalou que será de dez compromisarios e que os compromisarios electos serán un total de 1.777 distribuídos polas catro provincias: A Coruña terá 495, Lugo 278, Ourense 466, e Pontevedra 538.

Tellado anunciou tamén que a vindeira semana reuniranse os equipos redactores dos dous manifestos que se lerán no conclave para comezar a traballar no balance do camiño percorrido en Galicia nos últimos anos e no que presentará un proxecto de futuro do que queda por percorrer.

Dese xeito, para o voceiro popular, «agora trátase de renovar a estrutura do PPdeG respondendo á demanda da cidadanía que pide partidos dinámicos, renovados e cos pes na rúa».

Do mesmo modo, Tellado manifestaba que a renovación foi a clave do éxito do partido xa que no 2006, coa marcha de Manuel Fraga, moitos creron que remataba unha etapa e que o partido non volvería a ser o que era. «Afortunadamente soubemos demostrar que, coa renovación, o PPdeG podía seguir sendo o partido referente para a maioría dos galegos. Esa renovación do 2006 permitiunos recuperar a Xunta tan só tres anos despois e a de 2012 permitiunos seguir sendo o primeiro partido de Galicia», engadiu.

Tal e como recoñeceu, agora xa non só pretenden seguir sendo a primeira forza da nosa comunidade senón seguir sustentando o Goberno galego «porque cremos que o PPdeG é a garantía da estabilidade política e institucional que supón que Galicia siga na senda do crecemento», concluiu.

Lea también

La Xunta impulsa al comercio local con 74 acciones enmarcadas en el nuevo Plan Estratégico del sector

La Xunta de Galicia acaba de presentar el nuevo Plan Estratégico del comercio de Galicia …