A Concellería de Patrimonio Histórico, que dirixe Rosa Méndez, procedeu esta mañá a realizar o traslado ao Centro Cultural Torrente Ballester da cabeza escultórica ao militar Camilo Alonso Vega, realizada polo artista valencián Nassio Bayarri Lluch, desaparecida dende que hai case 45 anos foi vetada pola súa viúva e as autoridades franquistas. Esta medida enmárcase nunha campaña de conversación do Patrimonio, que inclúe tamén a próxima restauración do Monumento ao neno e do busto de Concepción Arenal.
Rosa Méndez lembrou que a escultura estivo máis de 40 anos agachada en diferentes lugares do Concello. A cabeza, coñecida popularmente como O Cabezón, foi retirada pouco despois de que se inaugurase no Paseo de Caranza en agosto de 1972 porque a viúva de Camilo Alonso Vega a considerou unha ultraxe á memoria do seu marido.
Segundo informou Rosa Méndez esta peza escultórica, de preto de 1’70 metros de altura, «levaba anos sen contar co mantemento e conservación precisa, aloxada nun almacén e desaparecida dende que foi case vetada pola viúva deste militar».
Esta mañá procedeuse ao seu traslado ao Centro Cultural Torrente Ballester onde permanecerá de xeito temporal. A peza pasará a formar parte dos fondos escultóricos do Concello e, aínda que non se prevé a súa exposición pública, durante dúas semanas estará depositada no patio do Centro Torrente Ballester.
Bayarri (1932) ironizaba, segundo explicou Rosa Méndez, sobre o veto que se lle impuxo tras esta escultura, que levou a provocar que a xente chegase a comentar que cando se produciu o atentado contra Carrero Blanco a metralla pertencía ao seu taller.
Do mesmo autor é a escultura situada na Praza de Vila do Conde, tamén en Caranza que amosa tamén un profundo deterioro, «ao faltarlle non poucos fragmentos» resaltou Rosa Méndez. Por último, son tamén da súa autoría os mosaicos das fachadas dalgúns edificios da Unidade Veciñal 2 de Caranza, alusivos a estas construcións e realizados por encargo do seu arquitecto Antonio Vallejo Acevedo, o mesmo que deseñou o miradoiro portante do conxunto escultórico adicado a Camilo Alonso Vega, no Paseo.
Recuperación do Patrimonio
Nesta liña de recuperar patrimonio, restaurarase o Monumento ao neno, ata hai pouco situado no Cantón de Molíns, ao que lle faltaba a cabeza dun dos nenos, costeado a través dunha recadación dos centros escolares da cidade e realizado por César Dobarro Rioboo. Todo isto referendado por un Pleno do Concello o 29 de maio de 1979.
«Aínda que non se trata dunha escultura especialmente relevante na súa execución non foron poucos os ferroláns e ferrolás os que se achegaron ao Concello interesándose polo seu paradeiro», sinalou Méndez
«Restaurase tamén o busto de Concepción Arenal, do Parque da Raíña Sofía, realizado por Agustín López Fernández en 1953 e que hai uns meses sufriu danos de vandalismo, quedando esnaquizado no chan».