Ao redor de 80 nenos e nenas tomarán parte este venres, 18 de decembro, na II Exhibición de Ximnasia Artística e Trampolín de Nadal “Concello de Fene” que organiza a Concellería de Deportes coa colaboración do club-escola Ximnasia Ferrolterra de Fene. O evento comezará ás 18.00 horas nas instalacións do pavillón do Ramo (Barallobre) e terá unha duración aproximada de dúas horas e media. Entrada libre e gratuíta.
Esta II Exhibición de Ximnasia Artística de Nadal contará coa participación dos/as alumnos/as da Escola Municipal de Ximnasia Artística de Fene, do club Escola Ximnasia Ferrolterra de Fene e do Club Ximnasia Ferrolterra de Ferrol.
Segundo informan dende a Concellería de Deportes, os/as participantes realizarán exhibicións de trampolín, de ximnasia artística e bailes colectivos con acrobacias. Na modalidade de trampolín haberá exhibicións de mini tramp e doble minitramp (chegando incluso ao nivel de dificultade de “mortais”) e na modalidade de ximnasia artística realizarán exercizos en barra de equilibrios, en asimétricas, chan e saltos de diferentes dificultades e niveis.