Carta aberta para Balbino na morte do seu pai

balbinoXaquín Campo Freire de Roca

Querido Balbino:

Conmóveme profundamente verte chorar hoxe. Porque eu tamén choro. Coñecémonos desde hai corenta e seis anos. Foi da man dun amigo común, D. Manuel Espiña Gamallo. Cando me falou aquel día de teu pai e de ti fiquei prendado de vós. Canto vos queremos na miña familia desde o día que eu vos metín na casa da miña nacenza! Mesmo me parece coma se fósemos dos primos máis levados. E de verdade é así. En vós atopamos sempre o mellor retrato de familia. A tal punto que desde daquela os nosos cans non quixeron outro nome que non fose o de Pachín. E cando ían morrendo, no testamento dos cans, tamén tiñan disposto seren soterrados debaixo da cerdeira das cereixas grandes que nos facían devecer a todos. Ao quitármoslles as coias. alí estaban os dentes dos nosos Pachíns que desde o seu ceo nos levaban a outras lembranzas máis fondas, coma cando che morreu o padriño: «Eu non entendo as caras do mundo» dicías ti. «Que desexos teño de ser grande!».  E agora que xa o somos e estamos a chorar os dous polo teu pai, eu non sei se ti chegaches a entender as caras do mundo. Eu, de todo, non.

Querido Balbino. Faleiche do Padre Manuel Espiña, moi amigo do teu pai, hoxe defunto. No ano 1969, nun encontro con moita xente, presentouse un libro que fala de ti. Cando hoxe souben a nova collín outra volta con grande respecto e emoción o libro. Ten o número 39 dunha edición numerada. Paseniñamente funme achegando á pasta. Mirei aqueles ollos grandes na parte baixa da fiestra. E na parte alta:«MEMORIAS DUN NENO LABREGO». E parei moito tempo fixándome en min mesmo: No Balbino que fun e sigo a ser. Na aldea de Roca. Nos nenos labregos e pobres que eramos todos. Que ben nos coñeceu o teu pai! Porén, os ollos medráronme aínda máis e o corazón encolléuseme, cando vexo que o teu pai do seu puño e letra escribiu para min: «Cordialmente. José Neira Vilas».

Pasei dúas follas e enchinme de rabia. Atopeime coa traizón. O teu pai está sendo asoballado na súa sagrada memoria polos que teñen e temos a obriga de facerlle honras. Vexo nun xornal de onte que a un 40 % de nenos da Galiza nin lles amosan unha palabra de lingua galega nos colexios.  E o libro está dedicado «A tódolos nenos que falan galego».

Mañá estarán contigo, querido Balbino, en primeira fila para as televisións, os que son os máximos responsábeis desta desfeita: Son os do bilingüismo harmónico. Galiza, como Roma, non pagará nunca a traidores.

No 1960, en Buenos Aires, ao final do caderno que teu pai lle deu ao Alberte escribe así: «Hai quen di que todo o que nos acontece está sinalado de antemán. Eu non creo tal cousa». Pois eu tampouco.

Bicos, Balbino, e honra para o teu pai.

 

 

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …